Friday 17 de May de 2024

O Consello Parroquial de Ardaña pon a énfase na mellora da seguridade viaria e dos servizos urbanísticos


A mellora da seguridade viaria e dos servizos urbanísticos centra as propostas do Consello Parroquial de Ardaña, que celebrou este martes a primeira xuntanza dende o inicio da pandemia. Na sesión, na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos municipais, trasladaron as demandas recollidas nunha reunión veciñal previa.

A veciñanza de Ardaña quere máis espazos para camiñar, e nese sentido consideran prioritario o acondicionamento da pasarela da Ponte Rosende para que sexa accesible. O alcalde recoñeceu a necesidade e indicou que xa se trasladou no seu momento a petición á Deputación, titular da vía, aínda que de momento non hai avances. Evencio Ferrero comprometeuse a insistir na solicitude.

Na mesma estrada, o Consello Parroquial demandou a continuación das beirarrúas ata Barís. A este respecto, o alcalde explicou que o Concello de Carballo elaborará o proxecto e que xa se está negociando coa Deputación a posibilidade de que sexa o Concello o que realice as obras, como se fixo no resto da vía. Evencio Ferrero cualificou unha vez máis como “ilóxico” que a estrada que comunica a capital de Bergantiños coa capital de Galicia sexa de titularidade provincial, e que dende o Concello seguirase reclamando a súa transferencia á Xunta.

Á parte destas actuacións, por parte dalgún veciño formulouse unha proposta para arranxar un camiño de pescadores moi utilizado pola veciñanza tanto a pé coma en bici.

Ademais das melloras relacionadas coa mobilidade, o Consello Parroquial de Ardaña considera prioritaria tamén a mellora dos servizos urbanísticos, fundamentalmente completar as redes de auga e saneamento nos poucos lugares aos que non chegan.